HISTORIA
Primeiros anos, a AELETI e a consolidación
Semana Santa de 2001. Almuñécar. Curso de interpretación. Reúnense prestixiosos profesionais desta materia, tanto docentes, como profesionais e investigadores para trataren a súa calidade, así como un grupo de estudantes atraídos pola curiosidade de ver tantos «famosos» e, por que non?, quizais un tanto motivados tamén pola caloriña de Almuñécar.
Foi alí onde Anna García-Barrios Quilón, coñecida hoxe en día como Anuska «en todo o mundo mundial» por profesionais e estudantes de Tradución e Interpretación de case todas as Universidades de España, coñeceu a Magec Borges. Ambos rapidamente pensaron que era necesario establecer algún tipo de contacto máis directo entre os alumnos de Tradución e Interpretación das distintas universidades do Estado e de aí xurdiu a idea de realizar un encontro estatal de alumnos de Tradución e Interpretación onde os estudantes puidesen intercambiar ideas, coñecer como funcionan as distintas universidades e asistir a diversos relatorios sobre variados ámbitos de ambas disciplinas.
Alfredo Blanco Solís, inseparable compañeiro de Anuska, confesou varias veces que sempre pensou que todas aquelas boas intencións habían quedar só niso, en boas intencións e na euforia do momento.
Alfre foi bastante escéptico en todo momento e sempre pensou que nunca se organizaría nada. Con todo, Anuska seguía chea de ilusión por facer realidade esa idea e, polo menos, quería intentalo.
Unha vez de volta en Salamanca, universidade en que ambos estudaban, Anuska volve insistir na idea e, sen saber moi ben nin como nin por que, ambos inician esta tolemia, que posteriormente acabou por non ter tanto de tolemia.
Desde o primeiro momento, recibiron un grande apoio por parte da facultade e principalmente da Decana Pilar Elena e do Vicedecano Carlos Fortea, a quen consultaron mil temas relacionados coa tradución, e de Jesús Baigorri e Marina Pascual, sobre todo o referido á interpretación.
Eles, e moitos outros, puxéronos en contacto con xente, déronlles ideas, facilitáronlles mil aspectos…, mais o mérito fundamental téñeno Anuska e Alfredo. Nunha ocasión, Alfredo comentaba: «Creo que un dos alicerces de que todo saíse ben foi que, desde o comezo, tivemos moi clara a idea que queriamos defender. As nosas intencións eran principalmente dúas: pormos en contacto os estudantes de distintas facultades e debatermos distintos temas relacionados cos estudos e coa futura profesión, así como ofrecermos unha serie de relatorios impartidos por profesionais que fixesen ver os estudantes a diversidade de posibilidades que ofrece esta titulación».
Era algo máis que unha pequena aspiración para dous simples estudantes de Tradución e Interpretación de terceiro curso, sen recursos e sen contactos que, con todo, foi posible a base de esperanza, ilusión, paciencia e un pouco de fe. «Querer é poder» e ambos nolo demostraron a todos durante os catro días que pasamos en Salamanca. Por se todo isto parecese pouco traballo, comentaba Alfre que «como pequena aposta persoal, pretendemos que se aprobasen os estatutos dunha asociación de estudantes de tradución e interpretación», algo que non pareceu convencer a todos, pero que estableceu un precedente e que nos levou a todos a reflexionarmos seriamente sobre o tema. Esperemos que nos futuros encontros de ENETI teñan os seus froitos.
Foi durante o I ENETI que os alumnos de Tradución e Interpretación da Universidad de Málaga se comprometeron a continuaren o labor que iniciaron os compañeiros de Salamanca, facendo posible o II Encontro Nacional de Estudantes de Tradución e Interpretación, que tivo lugar os días 6 e 7 de marzo de 2003 na Universidad de Málaga.
Nese II ENETI, que de novo foi un grande éxito, tivo lugar a creación da Asociación Española de Licenciados e Estudantes de Tradución e Interpretación, a AELETI (unha sorte de precursora da actual AETI). Os seus principais obxectivos foron servir como unión entre estudantes e profesionais, organizar todos os anos o ENETI e outros congresos e defender os dereitos do tradutor e do intérprete, entre outras cosas.
A partir desa edición, o ENETI continuou a se organizar por diferentes facultades de toda España. A atracción que xera o acontecemento vai crecendo cada ano. Tivo lugar ininterrompidamente, durante oito anos, e sempre cun grupo de estudantes disposto a organizalo, sen importar a universidade á que pertenceren. Con cada evento, a asistencia foi en aumento, chegándose, desde os 100 asistentes do ENETI de Salamanca, a máis de 300 na súa VIII edición. Con todo, no 2009 xurdiría un problema que levaría á desaparición do ENETI durante máis de 2 anos.
VIII ENETI e desaparición
O VIII ENETI, organizado polos estudantes da Universitat Autònoma de Barcelona os días 27 e 28 de marzo de 2009, de novo congregou un gran número de estudantes de diferentes facultades do ámbito universitario español. Tras o evento, expúxose o seguinte ENETI e ata se elixiu a sede, pero nunca chegou a realizarse.
O ENETI desaparece por diversas razóns, entre elas a desaparición da AELETI e o seu respaldo, que era quen velaba pola súa organización; a falta de acordo coa universidade sede, á cal non se lle pedira permiso para o organizar etc.
Sen ese ENETI, ao ano seguinte tampouco houbo edición, pois ninguén decidira tomar o relevo para se facer cargo da organización, perdéndose así desde o 2009 ata o 2012, e facendo que se convertese en algo practicamente esquecido por todos os estudantes de TeI.
O ENETI de Córdoba
Despois da organización do VIII na FTI-UAB no ano 2009, produciuse unha desconexión entre os centros universitarios que ofrecían estudos en Tradución e Interpretación e, case tres anos máis tarde, baseándose nas ideas da xa desaparecida AELETI (Asociación de Estudantes e Licenciados en Tradución e Interpretación), os estudantes presentes no encontro de Córdoba decidiron evitar que esta situación se repetise mediante a creación dun organismo que velase polos seus intereses, quer académicos, quer profesionais. O primeiro paso foi a recuperación do xa practicamente esquecido ENETI. Aquí tiveron un papel fundamental Judith Hita, Esperanza Pérez, Javier Sánchez Camacho e Rafael Maldonado, entre outros moitos.
Tal e como sinala Judith Hita, unha das persoas que máis loitaron pola recuperación do ENETI, «recuperar o ENETI era fundamental por moitas razóns, entre elas, porque era o único punto de encontro alén dos foros de Internet que tiñamos os estudantes de TeI. Por outra parte, suplía moito a cantidade de información dispoñible nas universidades e, ademais, permitíanos coñecer como se ensinaba tradución noutras universidades e compartirmos recursos e información».
Así, a preparación do IX ENETI, realizado en Córdoba, serviu para reimpulsar o ENETI e dalo a coñecer entre as novas xeracións que xa esqueceran que era e para que se fixera nun primeiro momento. Este foi todo un éxito grazas tanto aos seus organizadores como aos seus relatores, que axudaron enormemente á súa difusión.
Ademais, co fin de evitar a desaparición do ENETI de novo, fundouse a actual AETI, a Asociación Española Universitaria de Tradutores e Intérpretes en Formación, para velar tanto polo ENETI como polos estudantes de Tradución e Interpretación de todo o Estado.
O ENETI tras o seu retorno: Granada, Soria, Alacante, Valencia…
Tras o ENETI de Córdoba e a fundación da AETI, os ENETI continuaron a se organizar en diferentes facultades de España con cada vez maior asistencia. O X ENETI de Granada atraeu 350 estudantes e foi todo un éxito. O XI ENETI de Soria, con 430 estudantes, afianzou o acto de novo entre todas as novas xeracións de estudantes de Tradución e Interpretación. Finalmente, o XII ENETI de Alacante tivo unha asistencia que bateu a marca de 700 persoas, chegando a ser tendencia no ámbito estatal na rede social Twitter.
En todos estes eventos, a AETI tivo un gran protagonismo: en parte á causa de ser o acontecemento en que se elixe a Xunta Directiva da Asociación e pola presenza das vogalías nos comités organizadores de varios ENETI.